Dentro do programa de actividades do 25 aniversario do CW Pontevedra, non queremos deixar atrás unha parte que desde o club consideramos prioritaria como son as iniciativas de compromiso social.
Nese sentido, como última actividade do club na temporada 2022/23 e antes de coller unhas merecidas vacacións en agosto, vimos de pechar un acordo de colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS) para realizar unha campaña conxunta de doazón de sangue en Pontevedra e colaborar con eles na difusión do valor que ten o feito de facerse doante de sangue, órganos ou tecidos e a transcendencia vital que en moitos casos un simple xesto ten para quen recibe esa doazón.
Así, o vindeiro 26 de xullo, tanto en horario de maña como de tarde, haberá unha unidade móbil na Praza da Ferrería en Pontevedra para que todas as persoas maiores de idade que cumpran os requisitos, con independencia de que teñan ou non algún vínculo directo ou indirecto co club, poidan demostrar a súa xenerosidade, solidariedade e concienciación social acudindo a doar sangue no horario que mellor lle encaixe.
Deportistas, pais, nais, familiares, amigos e amigas e a sociedade pontevedresa en xeral amosará unha vez máis a súa faciana máis solidaria e comprometida coas persoas que máis o necesitan… e que en calquera momento podemos ser nós ou algún dos nosos seres queridos os que se vexan nesa necesidade.
Unha vez máis, desde a xunta directiva do club queremos darvos as grazas a todos/as por anticipado porque sabemos que será un éxito rotundo e acadaremos uns moi satisfactorios resultados en canto ao número de doazóns acadadas e de colaboración na difusión da campaña.
#súmateonosoequipo
A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), subministra compoñentes sanguíneos as 24 horas do día a todos os hospitais de Galicia para desenvolver a actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.
O sangue non se pode fabricar e todos os días é vital para axudar a enfermos que se teñen que operar, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro, leucemia, transplantes de órganos… Os hospitais precisan entre 400 e 500 doazóns
cada día para que moitas persoas recuperen a saúde e, mesmo, salvar a vida.
Se tes máis de 18 anos, unha saúde normal e pesas máis de 50 quilos, podes doar sangue na unidade móbil que visitará a Zona da Ferraría (Pontevedra), o vindeiro mércores, 26 de xullo, en horario de 09:30 a 14:30 e 15:30 a 21:00 horas. A unidade móbil estará situada na Praza de Ourense (Pontevedra).
Persoal sanitario revisará a túa saúde antes da doazón e utilizará material estéril e dun só uso.
Súmate ao noso equipo. Doa sangue.
COMPÁRTELO!!