Home > Noticias > Agradecemento á Escola Naval Militar de Marín

Agradecemento á Escola Naval Militar de Marín

Este martes 10 de maio ás 12:00 celebrouse nas dependencias da Escola Naval Militar de Marín un breve acto de agradecemento por parte do CW Pontevedra a dita institución, representada polo seu actual Comandante-Director D. Pedro Cardona Suanzes, en recoñecemento polo permanente compromiso e inestimable colaboración co club que teñen mantido sempre que se solicitou o seu apoio.

Así, a Escola Naval Militar de Marín ten sido o escenario nos últimos anos de numerosos eventos e competicións deportivas tanto de ámbito autonómico como estatal, destacando a celebración en xuño de 2019 do Campionato de España Xuvenil de 2ª Categoría, no cal o club pontevedrés conseguiu un histórico terceiro posto e o seu xogador Alejandro Andión foi nomeado “Mellor xogador” do Campionato.

Tras o levantamento das restricións derivadas da pandemia da Covid-19 estes dous últimos anos, durante a actual temporada 2021-22, o CW Pontevedra retomou o interese en seguir contando cunha instalación icónica como é a piscina da Escola Naval Militar de Marín para celebrar novas competicións alí, recibindo novamente todo tipo de facilidades e a total predisposición por parte da dirección da instalación para tal fin.

O ata agora último episodio desa colaboración produciuse este pasado sábado 7 de maio, no que a Escola Naval Militar de Marín volveu ser escenario dun novo fito histórico na vida do Club, acollendo o partido de ida da eliminatoria de ascenso a primeira categoría nacional do equipo absoluto feminino que o CW Pontevedra disputou ante o CW Murcia e que podería significar que por primeira vez na historia do wáter-polo galego un club tivera representación nunha liga regular de categoría nacional. O resultado deportivo, cun marcador de 20-2 foi amplamente satisfactorio, pero tamén foi especialmente destacable o gran ambiente e colorido dunha ateigada grada, onde os siareiros tanto do CW Murcia desprazados a Pontevedra como os do conxunto local desfrutaron dunha grande tarde de wáter-polo.

Por outro lado, compre recordar tamén que o peche do Complexo Deportivo de Rías do Sur a principios de marzo de 2022, supuxo un novo revés para o desenvolvemento normal da actividade diaria non só do CW Pontevedra, senón tamén de outros clubs acuáticos da cidade como o Galaico Sincro e o Club Natación Galaico. E unha vez máis, e coa colaboración e mediación da FEGAN, a Escola Naval Militar de Marín brindou desde o primeiro momento a súa colaboración e abriu as súas portas para tratar de paliar na medida do posible a problemática da falta de espazo para poder desenvolver os adestramentos diarios de cada unha de ditas disciplinas.

Por todo elo, e como forma de facer público o noso máis sincero agradecemento á Escola Naval Militar de Marín, desde a Xunta Directiva do CW Pontevedra creemos que é necesario e xusto ter este pequeno xesto como símbolo da nosa gratitude cara unha institución á que xa consideramos como a nosa segunda casa e sempre está presente nos momentos máis importantes da historia do noso club.

COMPÁRTELO!!

Te puede interesar...
Ignacio Cuartero se despide como director de la Escuela Naval Militar

Deja un Comentario