Home > Noticias > Felices Fiestas y Feliz 2021!

Felices Fiestas y Feliz 2021!

Benqueridas familias:
Estamos a piques de chegar ó fin dun ano 2020 que, tanto a nivel persoal como profesional, a todos/as nos marcou e nos obrigou a sacar o mellor de nós mesmos para afrontar os difíciles momentos e circunstancias que esta pandemia do COVID-19 nos puxo diante e que, nin nos nosos peores pesadelos, xamais imaxinamos ter que vivir.
Meses de confinamento domiciliario, restricións de mobilidade e de actividades de ocio e tempo de lecer, peche de negocios son só algunhas das consecuencias que todos lembraremos deste 2020. E por suposto, lembraremos e botaremos de menos a tantas e tantas persoas que o virus levou por diante antes de tempo.
Así mesmo, no debe desta pandemia tamén temos que cargarlle que nos negase a posibilidade de saudarnos fisicamente, darnos bicos e abrazos e sentir o calor dos nosos/as fillos/as, nosos pais e nais, familiares, amizades,… Ou simplemente, de roubarnos os sorrisos, que agora quedan ocultos detrás dunha máscara. Sen dúbida, o coste emocional deste 2020 tardaremos tempo en poder compensalo.

E a nivel deportivo, polo que a práctica do waterpolo se refire, este maldito “becho” deixounos sen posibilidade de competir desde hai xa 9 meses, sen o pracer de ver os/as nosos/as waterpolistas competindo pero sobre todo desfrutando cos partidos de waterpolo. Sen poder sentir a alegría e o rebumbio que se transmite nunha piscina co bulir das familias animando e apoiando ós/ás pequenos/as campións. Sen poder apreciar nos seus rostros a ledicia e a emoción dun gol, dunha vitoria ou simplemente de xogar e practicar o seu deporte. Todo iso tamén nolo debe o COVID-19.
Pero o 2020 tamén nos deixou cousas positivas que debemos valorar convenientemente. Permitiunos poñer en valor moitos dos elementos e soportes da nosa vida diaria que, dándoos por seguros, nunca foron percibidos nin valorados como realmente se merecían dado o peso e relevancia que teñen nos niveis de felicidade e benestar das nosas vidas.
Por outra banda, decatámonos máis que nunca de que principios moi asociados ó noso deporte, como ó espírito de superación, o sacrificio, a solidariedade, o compromiso, a constancia ou o traballo en equipo son valores que, ante a adversidade, permítennos alcanzar retos e superar obstáculos que críamos insuperables.

Ese compromiso e implicación a pesar de todo, sentímolo e agradecémolo moito desde que alá polo mes de marzo empezou a “torcerse” a nosa folla de ruta e os primeiros efectos da pandemia nos obrigaron a reaccionar e cambiar sobre a marcha as nosas actividades e previsións, pero sempre co obxectivo de facer o mellor para o benestar integral dos nosos deportistas. Desde a directiva do CW Pontevedra, queremos unha vez máis transmitirvos o noso máis sincero agradecemento e sentimento de orgullo pola masa social que temos detrás e que é a verdadeira forza do club.
Sen a vosa implicación e participación activa no día a día, tantos adestramentos online ou presenciais, tanto cambios de horarios e de instalacións, tantas esperas,… nada diso sería posible. E o que para nos é máis importante, que a pesar da que estaba a caer, seguistes fieis ó noso club e vos mantivéstedes contra vento e marea vinculados ó waterpolo, poñendo en nós a vosa confianza, coa idea de que era o mellor para os/as vosos/as fillos/as. Tentamos estar á altura de tan grande responsabilidade e fixemos e faremos o que sexa necesario para non defraudar ás vosas expectativas.

Tamén queremos facer un recoñecemento expreso para o noso centenar de waterpolistas, desde o máis novo ata o máis veterano. Normalmente adestrades para competir e a competición e a principal motivación para seguir botándose á auga cada día. Sen embargo, levades máis de nove meses adestrando e ser poder afrontar partidos, o que de verdade vos gusta e vos atrae deste deporte. Por iso, ten dobre mérito o que estades a facer durante todo este tempo, mantendo un alto grado de compromiso e asistencia ós adestramentos. En especial se cabe, os equipos absolutos, nos que en moitos casos despois dunha dura xornada laboral, tedes a vontade suficiente para ir adestrar ata as 10 da noite no mellor dos casos.
Por último, pero non por iso menos importante, queremos aproveitar tamén esta ocasión para amosar o noso agradecemento ó noso corpo técnico. Nos momentos máis críticos desta pandemia nunca puxeron un pero ás propostas que o club lles fixo, planificaron sesións e reorganizaron os seus calendarios cantas veces fixo falta para poder manter a actividade, por mínima que fose, durante todos estes meses. E incluso chegaron a propoñer por propia vontade os adestramentos en fin de semana para “compensar” a falta de auga durante a semana e así non perder ritmo, aínda que supuxese renunciar a tempo da súa vida persoal e de desfrutar da súa familia. Javi, Kike e Aarón, os/as nosos/as waterpolistas non poderían estar en mellores mans!!
Sen máis, desde a Xunta Directiva do Club Waterpolo Pontevedra non queremos deixar pasar a oportunidade de desexarvos unas Felices Festas de Nadal e un próspero 2021!! Que o novo ano nos permita volver a vivir e desfrutar do xeito “máis normal posible” e, cando menos, poidamos recuperar os abrazos e os bicos dos nosos seres queridos que tanto botamos de menos… e os partidos de waterpolo!!

Xunta Directiva do CW Pontevedra

COMPÁRTELO!!

Te puede interesar...
Lotería de Navidad del CW Pontevedra
Día Mundial de la Diabetes: Martín e Iria dos waterpolistas con diabetes
El CW Pontevedra premiado en la I Gala FEGAN
Valentina Restrepo en el Sudamericano Cali 2024

Deja un Comentario